RESUMO DA TEMPADA DE ALEVÍS E BENXAMÍS
Resumo tempada Alevín:
Este equipo, a pesar de comezar cun número xusto de xogadores, foi
incorporando moitos rapaces ata chegar ós 19 actuais.
Sorprendentemente, o equipo foi caendo en picado, posiblemente por a racha de resultados negativos, o cal é preocupante, porque dende o primeiro día traballamos en base a un obxectivo, diversión, e non a un resultado. Esta fin de semana, dinme conta de que os xogadores non traballan en equipo, senón que traballan individualmente, por iso hai un ambiente un tanto hostil. Creo que a solución pasa por cambiar os adestramentos e enfocalos a exercicios, nos que a colaboración en equipo sexa imprescindible para que eles tamén cambien o chip.
O obxectivo deportivo para a copa deste equipo, é que se divirtan movendo o balón e aprendan a unir as súas forzas para lograr os obxectivos.
A vindeira tempada será dura, porque pasan a infantiles moitos rapaces e cos que suben de benxamíns, hai uns 11 rapaces, pero terán unha boa tempada, posto que o equipo será moi compacto.

Resumo tempada Benxamín:
Os obxectivos con este equipo cumpríronse en tódolos ámbitos, posto que, deportivamente, tendo un equipo moi limitado de 6 benxamíns e 5 prebenxamíns, onde 7 dos 11 rapaces comezaban este ano a xogar nun equipo federado, os avances técnico-tácticos, coordinación e psicomotricidade son moi alentadores.
En canto ós obxectivos humanos, tamén se logrou que os comportamentos disciplinarios se impuxesen, tales como normas de comportamento, respeto, educación e cooperación.
O obxectivo deportivo para a copa é de tentar que as diferencias no marcador sexan inferiores a 5 goles, para o que se traballará o movemento do balón entre liñas e se premiará a boa colocación nas diferentes posicións.
De cara a vindeira tempada, o equipo sufrirá as baixas de Iker, Martín Martínez, Even e Martín Álvarez, co que se precisarán reforzos, pero moito traballo está adiantado e augúrase unha boa tempada.