CRÓNICA DOS PARTIDOS DO PASADO FIN DE SEMANA (20 E 21/03)
VETERANOS:
STA. LUCIA DE RAIRO 2 TRASALBA.-ARRABALDO 3
POR FIN
Bo partido xogado polo Arrabaldo este fin de semana, en Seixalvo contra o Sta. Lucia de Rairo, partido correspondente á xornada aprazada polo temporal do 27 de Febreiro.
Un partido que tivo de todo, goles, emoción, bo xogo por parte do Arrabaldo e algo
de polémica arbitral, pero que finalmente pouco influiría no resultado final.
Empezou o Arrabaldo, como adoita empezar ultimamente os partidos, totalmente nas pavías, e aos 10 minutos de xogo xa tiña dous goles en contra. O primeiro dun forte disparo dende o borde da área grande, que colle desprevido a Moncho, e o segundo nunha xogada de mala fortuna, cando Paco quere deixarlle o balón a Moncho, para que sexa este o que rexeite, quédase parado nun charco de auga, que había dentro da área, e o seu dianteiro atento, consegue o segundo para os locais. Pouco mais conseguiu facer o Rairo, porque empezou carburar o Arrabaldo e empezou a tocar e a xogar como saben, a pesar de que o campo estaba bastante pesado, polas chuvias caídas na xornada anterior, e antes de marchar ao descanso os visitantes xa conseguiran o empate con goles de Suso, que fixo un gran partido, e de Antonio José, de falta directa, que executou de forma maxistral onde o porteiro só puido mirar como entraba.
A segunda parte non podía comezar mellor para o Arrabaldo, cun gol de Joseito
tamén de falta directa, e que o colocou polo poste do porteiro, cando este estaba a intentar tapar o poste da barreira, para que non lle volvesen marcar polo mesmo sitio. Intentouno o Rairo con balóns longos, que realmente era a forma que tiñan de xogar, pero a zaga visitante estaba moi atenta e non deixaba pasar ningunha, mesmo puido aumentar o marcador o Arrabaldo nalgunha outra ocasión, pero non acertou a meter o balón entre os tres paus.
Por parte do árbitro tiña que ter expulsado un xogador de cada equipo por sendas entradas por atrás moi duras e sen balón, e sacou claramente fóra da área unha falta que cometeron sobre Suso, cando se ía só contra o porteiro.
3ª AUTONÓMICA:
Á segunda volta do noso equipo senior poderíaselle poñer o adxectivo de
impresionante. Na tarde de onte, visitaban o difícil campo do Melón, e aínda por riba contra un equipo necesitado de puntos para conseguir o ascenso, que se lle escapa pouco a pouco. Pero a calidade do noso equipo pasou por riba de todo iso e venceu por 1-3 deixando claro a súa boa segunda volta.
O partido empezaba con ocasións constantes para os nosos, a máis perigosa un remate o longueiro de Pika, e o Melón acercándose intermitentemente á meta de Antolinez. Mediado o primeiro acto, chegaría o primeiro gol, nun claro penalti cometido sobre Fredy, nunha moi boa xogada, que o transformaría o propio xogador. E con este resultado chegaríase ó descanso do partido.
No segundo acto, todo pareceu cambiar o Melón necesitaba a victoria e foise arriba para conseguila, axudado por un Arrabaldo confiado, fixo que o partido se volcase
sobre a portería visitante. E chegando xa o final do partido unha falta sen perigro ningún, o noso porteiro Antolinez cantou de maneira inesperada e o balón colábaselle na porteria. Con este gol o Melón botouse enriba, pero o Arrabaldo non tardou nin 2 minutos, en poñerse outra vez por diante, cun gol de Pika o rematar un balón morto, na área pequena despois dun saque de esquina. E 5 minutos mais tarde, Pablo (Laias) remataba outro corner de cabeza e poñía o definitivo 1-3.
Tan solo quedan 2 partidos de liga, Loureiro e Maside B e co ascenso conseguido solo hai que esperar un tropezo do Velle B, para proclamarse campións, sempre e cando se gañen os dous partidos que quedan, aínda que se non se gaña a liga o obxectivo está máis que conseguido co ascenso a 2º autonómica e os cuartos da Copa Deputación (que se xogarán en Semana Santa) contra o Arenteiro B.


Once titular do Arrabaldo en Palmés.